sábado, 31 de julho de 2010

Arequipa, 31 de xullo

Dixérannos que o bus-cama era unha forma cómoda de viaxar, pero non o foi para todos. Eu durmín bastante ben, Merchi regular e o resto fatal. Consecuencia: unha mañá medio catatónica. Con todo encargamos o tour polo canón do Colca para luns e martes e fomos ver o mosteiro de Santa Catalina aquí en Arequipa. A foto é dende alí, co Nevado Misti ao fondo.
Arequipa é polo de agora a cidade que máis nos está gustando e iso que hai moito turista, claro que nos tamoouco podemos falar moito.
E xa probamos a arequipeña!

sexta-feira, 30 de julho de 2010

30 de xullo

Ao final temos media hora no hostal de Nasca antes de que nos leven ao bus nocturno para Arequipa e vou aproveitar para postear rapidamente.
Como xa sabedes, á mañá ben cedo fomos ver as liñas en avioneta. Moi bonitas e só tres mareados dos cinco que somos (ningunha vomitona xa que nos fixeron ir en aiunas). Tras o almorzo fomos ver a necrópole preinca de Chauchilla, con momias e todo.
Comemos e á tarde fomos en taxis ver as pirámides de Cauhachi. Impresionante.
Por certo, dende onte xa fai calor, polo menos de día (será porque é un deserto!?).

Aquí Merchi cunha momia. Podedes distinguilas?

Xa sobrevoamos Nazca!

Rapidiño, xa vimos as liñas en avioneta. Impresionante!

quinta-feira, 29 de julho de 2010

Unha foto do 28 na Reserva de Paracas


29 de xullo: un día tonto

Pois si, un día tonto porque tiñamos que coller o bus pars Nazca ás 12:30 e pasar tres horas e media nel, co cal e tendo en conta que ás seis e media e noite, non podiamos facer grandes cousas nin antes, nin despois.
O que fixemos antes foi ir ao mercado a Pisco, o que sería máis bonito se a cidade non parecede a zona cero (o terremoto do 2007).
O bus estivo ben, moi amplo. Creo que era un bus-cama, como o que colleremos mañá á noite para marchar a Arequipa (9 horas de bus, dende as dez e media). Por certo, por este motivo, mañá posiblemente non escriba nada no blog.
A viaxe en si foi máis bonita que a de antonte. A paisaxe era case todo deserto con pequenas zonas verdes habitadas. O mellor foron os derradeiros quilómetros: unha gran chaira na que se atopan as famosas liñas atravesada por unha estrada completamente recta e de moitos kms.
Nazca en si é máis chula que Pisco (o cal tampouco é difícil). O hostal é o mellor no que estivemos ata o de agora.
Mañá ás sete recóllennos para ir ao aeroporto e sobrevoar as liñas. A ver que vos conto o sábado.

quarta-feira, 28 de julho de 2010

28 de xullo: Felices Fiestas Patrias

Hoxe é a festa nacional de Perú, aínda que levan toda a semana con bandeiras e carteis por todas partes. Felicítanse a festa coma se fose polo Nadal.
En canto á viaxe fixemos un tour: pola mañá en barco ás illas Ballestas (vimos moitas aves, pingüíns e focas) e despois en bus á Reserva Natural de Paracas, un fermoso e gran deserto á beiriña do mar. Fixemos fotos e intentei subilas pero non o conseguín. Seguirei probando.
Mañá marchamos a Nazca.

terça-feira, 27 de julho de 2010

Curso acelerado de peruano (1)

Empezamos:
-Os buses non teñen paradas, senón paraderos.
-Cando fregan o chan, este queda resbaloso.
-Hai cousas que non se poden facer porque son arriesgosas.
-No aeroporto hai un apartado de recojo de equipaje.

Continuará

Segundo día: Lima-Pisco

Hoxe martes visitamos Barranco, un barrio de Lima, á beira do océano. Ten un mirador chulo sobre o Pacífico, aínda que a vista gañaría se a cidade non estivese permanentemente cuberta dunha néboa. Chover, non chove. A última vez que choveu seica foi en 1970; todo o máis que chove é un orballo que cae ás noites, a garúa.
Despois vimos o museo Pedro de Osma, un ricachón do século pasado que investiu a fortuna familiar en facerse cunha coleción de arte colonial que nin o Thyssen.
Ao mediodía marchamos de Lima en bus cara Pisco. A paisaxe pola Panamericana é un tanto monótona, dunas e dunas e moitas chabolas, especialmente arredor de Lima. Chegamos á parada a 8km de Pisco xa de noite, a un sitio sen moita luz e cheo de xente. Menos mal que mandaran do hostal alguén a recollernos.
Pisco foi de primeiras outro pequeno susto. A cidade sofreu un sismo en 2007 e segue bastante mal. Ademais ao chegar había un apagón e leváronnos aos cuartos con velas e linternas. Menos mal que ao pouco volveu a luz e todo gañou mellor color (sobre todo despois de cear e probar un pisco sour, un cóctel local a base do augardent pisco). O hostal Tambo Colorado está moi ben e parecen moi amables.
Mañá imos en barco ás illas Ballestas e de excursión á Península de Paracas cun tour organizado.

segunda-feira, 26 de julho de 2010

Lima, 26 de xullo do 2010

Primeiro día en Perú. Despois dunha viaxe lon guísima (levantámonos en Lisboa ás cinco e media e deitámonos en Lima sobre as catro da mañá), durmimos unhas dez horas. O hostal está no "barrio" de Miraflores, un dos barrios "ben" da cidade.
Hoxe á mañá fomos ver aquí en Miraflores a Huaca Pucllana, unha enorme pirámide de "adobitos" construída pola chamada cultura Lima hai 1500 anos. Fixemos unha visita guiada moi interesante na que nos ensinaron prantas e animais que esta xente domesticou, incluíndo unha pranta de coca e unha llama de verdade.
Despois marchamos ao centro a ver a Praza de Armas, a catedral e as rúas e igrexas da época colonial. Pero antes fomos comer (moi ben, por certo) a unha chifa, un restaurante típico que prepara unha especie de mestura de cociña peruana e chinesa. Hai centos destes restaurantes por todas partes e cantidade de xente comendo neles.
Pero, con todo, a mellor aventura do día foi volver a Miraflores nun "colectivo", un dos moitísimos pequenos buses que percorren as rúas coma tolos, recollendo xente en canto "paradero" atopan e cun pirado (o secretario) colgado permanentemente da porta, berrándolle a xente dos paraderos unha letanía incomprensible dos próximos destinos. Surrealista. Témolo ata en vídeo.
Nos vindeiros días tratarei de continuar posteando e de poñer algunha foto.