segunda-feira, 26 de julho de 2010

Lima, 26 de xullo do 2010

Primeiro día en Perú. Despois dunha viaxe lon guísima (levantámonos en Lisboa ás cinco e media e deitámonos en Lima sobre as catro da mañá), durmimos unhas dez horas. O hostal está no "barrio" de Miraflores, un dos barrios "ben" da cidade.
Hoxe á mañá fomos ver aquí en Miraflores a Huaca Pucllana, unha enorme pirámide de "adobitos" construída pola chamada cultura Lima hai 1500 anos. Fixemos unha visita guiada moi interesante na que nos ensinaron prantas e animais que esta xente domesticou, incluíndo unha pranta de coca e unha llama de verdade.
Despois marchamos ao centro a ver a Praza de Armas, a catedral e as rúas e igrexas da época colonial. Pero antes fomos comer (moi ben, por certo) a unha chifa, un restaurante típico que prepara unha especie de mestura de cociña peruana e chinesa. Hai centos destes restaurantes por todas partes e cantidade de xente comendo neles.
Pero, con todo, a mellor aventura do día foi volver a Miraflores nun "colectivo", un dos moitísimos pequenos buses que percorren as rúas coma tolos, recollendo xente en canto "paradero" atopan e cun pirado (o secretario) colgado permanentemente da porta, berrándolle a xente dos paraderos unha letanía incomprensible dos próximos destinos. Surrealista. Témolo ata en vídeo.
Nos vindeiros días tratarei de continuar posteando e de poñer algunha foto.

Sem comentários:

Enviar um comentário