Hoxe martes visitamos Barranco, un barrio de Lima, á beira do océano. Ten un mirador chulo sobre o Pacífico, aínda que a vista gañaría se a cidade non estivese permanentemente cuberta dunha néboa. Chover, non chove. A última vez que choveu seica foi en 1970; todo o máis que chove é un orballo que cae ás noites, a garúa.
Despois vimos o museo Pedro de Osma, un ricachón do século pasado que investiu a fortuna familiar en facerse cunha coleción de arte colonial que nin o Thyssen.
Ao mediodía marchamos de Lima en bus cara Pisco. A paisaxe pola Panamericana é un tanto monótona, dunas e dunas e moitas chabolas, especialmente arredor de Lima. Chegamos á parada a 8km de Pisco xa de noite, a un sitio sen moita luz e cheo de xente. Menos mal que mandaran do hostal alguén a recollernos.
Pisco foi de primeiras outro pequeno susto. A cidade sofreu un sismo en 2007 e segue bastante mal. Ademais ao chegar había un apagón e leváronnos aos cuartos con velas e linternas. Menos mal que ao pouco volveu a luz e todo gañou mellor color (sobre todo despois de cear e probar un pisco sour, un cóctel local a base do augardent pisco). O hostal Tambo Colorado está moi ben e parecen moi amables.
Mañá imos en barco ás illas Ballestas e de excursión á Península de Paracas cun tour organizado.
Sem comentários:
Enviar um comentário