quinta-feira, 12 de agosto de 2010

Día en Cusco

Hoxe pasamos o día pateando Cusco. Pola mañá fomos ver o museo Inka e a igrexa da Compañía de Jesús, unha igrexa na Praza de Armas que dende sempre rivalizou coa propia catedral. O altar maior dende logo non ten nada que envexarlle o da propia catedral.
Ás once e media xuntámonos con Xabi e Raquel que chegaban de Chinchero e fomos todos ver a catedral e a comer ao mercado de San Pedro. Comemos moi ben e baratísimo (pagamos en total algo así como 14 soles, uns catro euros), aínda que non creo que fose algo para todos os públicos. Había centos de peruanos comendo alí e algún comentou que era algo parecido a ir comer o pulpo a unha feira, pero en conxunto a un europeo medio pode custarlle comer alí. Mañá saberemos ademais se a comida nos prestou tanto como nos soubo.
Pola tarde fomos ver o Qorikancha; en tempos do Incanato foi o maior templo do imperio. Despois os dominicos construíron enriba unha igrexa e un mosteiro, aproveitando moitos dos antigos muros incas. Tras o terremoto de 1950, a restauración deixou esas partes á vista e o conxunto resulta á vez grandioso e peculiar.
E mañá voamos a Lima.

Sem comentários:

Enviar um comentário