Vou contarvos algunhas cousas de Perú e os peruanos que nos están chamando a antención.
- O ceviche. É o sushi peruano, peixe e marisco marinados nun mollo picante que francamente, lle impide a un decatarse de que está a comer peixe cru... de feito, de que está a comer peixe. Ata agora só o probei eu. Despois de visitar a páxina do Anisakis na wikipedia, os meus preocupados compañeiros de viaxe andan fantaseando con esceas de Alien.
-O tráfico. O tráfico en Perú é difícil de explicar pero despois de sufrilo durante uns días podemos adiantar algunhas hipóteses. Os sinais e os semáforos parecen colocados con finalidades meramente decorativas. A prioridade á hora de realizar unha manobra, legal ou ilegal, corresponde ao que pitou primeiro, ou no infrecuente caso de que ninguén pitara, ao que primeiro asome. Neste esquema os peóns merecen unha consideración similar á dos mosquitos que aparecen esmagados no parabrisas.
-O idioma. Aceptamos español como idioma de Perú con algunhas reservas. Usan continuamente "de repente" para falar de calquera cousa que pensen facer ou que poida suceder, independentemente de que sexa repentina ou non, como por exemplo: "De repente os recojo mañana en la estación". Isto causounos algún sobresalto pero xa nos imos afacendo. Tamén usan profusamente o diminutivo, como en "por favor, giren las cabecitas y podrán admirar la momia Juanita en la vitrina". Para máis información, consultar o post de "Curso acelerado de peruano".
Hai máis, moito máis, pero ímolo ir dosificando para que o asimiledes ben. Boas noites desde Arequipa!
Que rico o ceviche...a min gustoume moito. Dilles que non se preocupen que o Allien tenlle medo os ´vinagren e picantes do ceviche. Tedes que probar a sopa de pescado-marisco pero non lembro o nome peruano, o sinto. E tamén a piña, está sensacional e a venden o redor dos mercados, coma se fose golosinas, en chiringuitos- carretillas...en fin seguide comendo e bebendo. BO PROVEITO!
ResponderEliminar