domingo, 15 de agosto de 2010

15 de agosto: isto acábase

Hoxe é o noso derradeiro día en Perú. Collemos o avión sobre as sete da tarde e esperamos estar de volta en Compostela o luns de noite (máis ben de madrugada).
Onte fomos paseando a ver a huaca Huallamarca, que resultou estar pechada a turistas. Tivemos máis sorte co museo arqueolóxico, no que estivemos horas e que resultou moi interesante.
Ás seis fomos ao cine (de novo, o rollo cultureta), aínda que a peli non sei se entraría no cualificativo cultureta. "The inception" de Chris Nolan que precisa outro visionado para ver se comprendemos todo.
E máis nada. A próxima comunicación espero que sexa en directo. Boa viaxe para nós!

sexta-feira, 13 de agosto de 2010

13 de agosto: avión e rollo cultureta

Outro día un tanto estraño. Tiñamos que coller un avión en Cusco ás once e media, o que che corta a mañá xa que non podes facer nada antes e chegas a Lima tamén a deshora. En fin, a viaxe transcorreu sen novidade, aínda que con algo de retraso.
Ao chegar a capital fomos comer a un vexetariano (o Govinda) que, segundo a miña guía, levan os Hare Krishna e no que non comimos mal a un prezo económico.
Pasamos o resto da tarde a pasear, ir de compras a unha librería e rematamos a xornada nun teatro, aquí mesmo en Miraflores. "A raíña da beleza de Leenane" no teatro Británico, un dramón con certos toques de comedia e que nos gustou moito. O único contratempo é que dabamos un pouco o cante entre os culturetas de Lima coas nosas pintas habituais de excursionistas fanáticos do Decathlon (o vestiario desta viaxe daría para un blog en si mesmo, subvencionado, iso si, pola xa mencionada cadea Decathlon).

quinta-feira, 12 de agosto de 2010

Día en Cusco

Hoxe pasamos o día pateando Cusco. Pola mañá fomos ver o museo Inka e a igrexa da Compañía de Jesús, unha igrexa na Praza de Armas que dende sempre rivalizou coa propia catedral. O altar maior dende logo non ten nada que envexarlle o da propia catedral.
Ás once e media xuntámonos con Xabi e Raquel que chegaban de Chinchero e fomos todos ver a catedral e a comer ao mercado de San Pedro. Comemos moi ben e baratísimo (pagamos en total algo así como 14 soles, uns catro euros), aínda que non creo que fose algo para todos os públicos. Había centos de peruanos comendo alí e algún comentou que era algo parecido a ir comer o pulpo a unha feira, pero en conxunto a un europeo medio pode custarlle comer alí. Mañá saberemos ademais se a comida nos prestou tanto como nos soubo.
Pola tarde fomos ver o Qorikancha; en tempos do Incanato foi o maior templo do imperio. Despois os dominicos construíron enriba unha igrexa e un mosteiro, aproveitando moitos dos antigos muros incas. Tras o terremoto de 1950, a restauración deixou esas partes á vista e o conxunto resulta á vez grandioso e peculiar.
E mañá voamos a Lima.

quarta-feira, 11 de agosto de 2010

11 de agosto

Estamos nun café en Cusco tomándolle algo e navigando pola rede. Xa levamos dous ou tres aloxamentos que prometen wifi e logo ná de ná; así que acabamos por vir a estes sitios.
Esta noite durmimos en Ollantaytambo, no val sagrado. Á mañá fomos ás ruínas incas desa vila; despois collemos un taxi (fragoneta) e fomos ver as terrazas (aquí chámanlle andenes) circulares de Moray e as salinas de Maras; e tiñades razón, son alucinantes (Sonia dixit).
Volvemos a Cusco Merchi, Loli e eu; Xabi e Raquel quedaron en Chinchero, pero tranquis: xa quedamos mañá ás once e media e adicar o día a ver Cusco.

Dende o fondo de Moray

En Machu Picchu

Un día histórico, 10 de agosto de 2010. Nós en Machu Picchu.
Aquí vai, posiblemente, a foto da viaxe: a panda dos 5 colgados en Machu Picchu.


Despois de ver as ruína, subín ao Cerro (léase serro, como se foras do Barbansa). Custou, pero pagou a pena (adiviñade que son as ruínas que se ven rapidamente).

segunda-feira, 9 de agosto de 2010

Mañá é o gran día

Ante todo direi que nestes días pasados estivemos sen wifi e non puiden postear. Mañá subimos a Machu Picchu. Xa temos tickets e billetes de bus (carísimos) e esperamos ansiosos a pesares de ter que erguernos ás catro (sen comentarios). Hoxe xa fixemos unha rutiña de tres horas ata a fervenza de Mandor.
Dos días pasados direi que Cusco é a cidade que máis nos gustou de todo Perú, máis incluso que Arequipa, que xa é dicir. A Praza de Armas é impresionante, tanto de día como de noite. E onte fomos a Pisac, vimos o mercado e baixamos andando dende as ruínas incas: as vistas alucinantes!

sexta-feira, 6 de agosto de 2010

6 de agosto, seguimos en Puno

Hoxe debeu ser o primeiro día en toda a viaxe en que nos tomamos as cousas con algo de calma. Pola tarde tiñamos unha excursión contratada para ver as torres funerarias de Sillustani, a uns 30 km de Puno (unhas tres horas e media, ida e volta), e pensabamos adicar a mañá (como así fixemos) a pasear Puno e a ver un mirador, o museo Dreyer (máis momias!!) e catedral. Total, que non madrugamos, e cando digo non madrugamos, quero dicir que nos erguemos ás sete e media e ás oito estabamoos xa a almorzar. Estamos tolos ou que?
As torres de Sillustani estiveron moi ben, tanto as torres en si (teñen máis de 500 anos) como o sitio no que se atopan: unha península rodeada polo lago Umayo (que resulta estar un pouco máis alto có Titicaca, pero no que non hai grandes barcos). As vistas eran espectaculares (de novo, coma onte, non temos acceso a unha wifi, co cal non podo subir fotos ou vídeos, a ver se mañá en Cusco).
Falando de Cusco, mañá intentaremos marchar aó. E digo intentaremos porque de camiño hai un zona na que están en folga e en días pasados cortaron a estrada e a vía do tren. A folga segue (mirade o que din en El País), pero parece ser que os buses están a tomar un desvío que lles leva unha hora ou hora e media máis e que pasan sen problema. Mañá comprobarémolo.

Lago Titicaca

Onte día 5 navegamos o lago Titicaca. Que máis se pode dicir despois disto. Quizais só explicar un pouco máis a travesía. Vale, ir nun tour organizado por axencia xunto con varios centos máis de turistas pode que non encaixe na definición de travesía épica, pero éche o que hai.
Primeiro leváronnos ás illas flotantes dos Uros, explicaron como as construían a base de totora (un xunco do lago) e como tiñan que ir renovando a construción cada dez ou quince días. Lamentablemente non podo subir algunha foto neste post (a ver se pola noite).
Despois fomos á illa de Taquile, desembarcamos nun extremo e fomos andando por un carreiro a longo da beira ata chegar á Praza. Ás vistas do lago eran impresionantes. E ao chegar á praza había festa e un montón de isleños bailando e tocando ao xeito tradicional. Vamos, que xa fixen a miña primeira recollida, a pena é que fora en Perú e non en Galicia.
Comemos nunha terraza cunhas vistas incríbles sobre o lago e de novo troita. Delicioso.
Por momentos, parecía que estivesemos nunha illa grega en pleno mar Exeo, co mar (lago neste caso) azul e o sol a lucir nun ceo completamente despexado.

quarta-feira, 4 de agosto de 2010

4 de agosto: bus e bus

Outro día de bus, 6 horas de Arequipa a Puno, aínda que a paisaxe compensou algo o tempo (algo!). Montañas, llamas, alpacas e indíxenas pastoreando. Só faltaba a versión peruana de Heidi.
Puno é máis grande e algo máis bonito do que esperabamos. Comimos peixe do lago, troita e pejerrey, nuns pratos que levaban de todo de acompañamento (arroz, papas, brécol, queixo, plátano fritido,...). Riquísimo.
E agora as novas: a boa é que levamos moi ben o soroche (mal de altura), parecemos peruanos. A mala é que hai unha folga en Cusco e non están saíndo os buses dende aquí. Esperemos que para o sábado estea arranxado.

A miña primeira compra en Perú, un típico pucho da zona que mantén quentes a cabeza, as orellas e as ideas.

Curso acelerado de peruano (2)

Continuamos coa segunda entrega do exitoso curso acelerado de peruano para español-falantes. As palabras para hoxe son:
jalar: ven sendo coller ou agarrar en frases como "jala la puerta del carro" o "jala la cuerda"
playa de aparcamiento: simplemente parquin
movilidad: calquera cousa que se mova e leve xente dentro, sexa taxi, bus ou furgoneta. Os guías por exemplo dinche: "la movilidad los espera allá".
full: no canto de dicir cheo (o inglés é unha lingua perversa)
palta (aguacate) e chaufa (arroz), aínda que neste tema das comidas, o peruano é realmente unha lingua distinta ao español.

terça-feira, 3 de agosto de 2010

2 e 3 de agosto: Colca, cóndores e cumpre

Moito que contar nestes dous días. O luns erguémonos ás seis e marchamos ao Canón do Colca. Catro horas de camiño nas que vimos vicuñas, alpacas e llamas nunhas paisaxes incríbles e pasando por unhas altitudes de vértixe, 4900 metros. O Colca é moi fermoso, aínda que só estea a 3500 metros. Á comida probamos a carne de alpaca, que lle gustou a todos menos a min (moi brava).
Pola tarde fomos camiñar polo val e como ás seis xa é noite, esperamos pola cea tomándolle unhas cervexas fronte á lareira, mentres falabamos do divino e do humano (o marco invitaba a iso e, para que negalo, nós somos así).
O martes erguémonos ás cinco (isto non son vacacións nin nada) para ir ata o medio do canón e ver voar os cóndores nas primeiras horas da mañá. Tivemos sorte porque foi chegar e encher. Xabi foi o primeiro en avistar un, pero despois vimos ducias deles e a tódalas distancias. Creo que este vai ser un dos momentos memorables da viaxe, especialmente se temos en conta o feito de que hoxe, 3 de agosto, aquí o menda cumpre 38 primaveras (aínda que aparente 33 ou 34). Por certo, a ver se se ve o vídeo dos cóndores.
Despois comemos en Chivay, aínda no Colca, e regresamos xa a Arequipa. E mañá temos que erguernos ás cinco e media (que tarde!) para marchar para Puno.


Os/As colgados/colgadas (mira que pintas!) no alto da serra con llamas e alpacas:



Merchi con vicuñas:





Un servidor co Canón do Colca ao fondo:



domingo, 1 de agosto de 2010

O mundo peruano

Vou contarvos algunhas cousas de Perú e os peruanos que nos están chamando a antención.

- O ceviche. É o sushi peruano, peixe e marisco marinados nun mollo picante que francamente, lle impide a un decatarse de que está a comer peixe cru... de feito, de que está a comer peixe. Ata agora só o probei eu. Despois de visitar a páxina do Anisakis na wikipedia, os meus preocupados compañeiros de viaxe andan fantaseando con esceas de Alien.

-O tráfico. O tráfico en Perú é difícil de explicar pero despois de sufrilo durante uns días podemos adiantar algunhas hipóteses. Os sinais e os semáforos parecen colocados con finalidades meramente decorativas. A prioridade á hora de realizar unha manobra, legal ou ilegal, corresponde ao que pitou primeiro, ou no infrecuente caso de que ninguén pitara, ao que primeiro asome. Neste esquema os peóns merecen unha consideración similar á dos mosquitos que aparecen esmagados no parabrisas.

-O idioma. Aceptamos español como idioma de Perú con algunhas reservas. Usan continuamente "de repente" para falar de calquera cousa que pensen facer ou que poida suceder, independentemente de que sexa repentina ou non, como por exemplo: "De repente os recojo mañana en la estación". Isto causounos algún sobresalto pero xa nos imos afacendo. Tamén usan profusamente o diminutivo, como en "por favor, giren las cabecitas y podrán admirar la momia Juanita en la vitrina". Para máis información, consultar o post de "Curso acelerado de peruano".

Hai máis, moito máis, pero ímolo ir dosificando para que o asimiledes ben. Boas noites desde Arequipa!

1 de agosto, o "adobo arequipeño"

Pois iso, hoxe fixemos moitas cousas en Arequipa, pero quizais o mellor foi a comida. Fomos a un restaurante, unha picantería en Yanahuara (un barrio de Arequipa) que nos recomendara un guía en Nasca. Puxémonos as botas con comida típica sen un só turista á vista; eu en concreto pedín o Super Adobo Arequipeño, un platazo de carne de porco mergullado en salsa picante. As fotos valen como proba. E viñemos pagando ao cambio uns 50 euros.
Á mañá cadrounos un desfile peculiar de militares e grupos folclóricos polo centro. E visitamos o museo das momias andinas (si, máis momias, pero realmente interesante) e un par de igrexas e conventos.
Mañá marchamos ao Colca e non sei se haberá internet. Pero o martes aquí estaremos de volta en Arequipa.






sábado, 31 de julho de 2010

Arequipa, 31 de xullo

Dixérannos que o bus-cama era unha forma cómoda de viaxar, pero non o foi para todos. Eu durmín bastante ben, Merchi regular e o resto fatal. Consecuencia: unha mañá medio catatónica. Con todo encargamos o tour polo canón do Colca para luns e martes e fomos ver o mosteiro de Santa Catalina aquí en Arequipa. A foto é dende alí, co Nevado Misti ao fondo.
Arequipa é polo de agora a cidade que máis nos está gustando e iso que hai moito turista, claro que nos tamoouco podemos falar moito.
E xa probamos a arequipeña!

sexta-feira, 30 de julho de 2010

30 de xullo

Ao final temos media hora no hostal de Nasca antes de que nos leven ao bus nocturno para Arequipa e vou aproveitar para postear rapidamente.
Como xa sabedes, á mañá ben cedo fomos ver as liñas en avioneta. Moi bonitas e só tres mareados dos cinco que somos (ningunha vomitona xa que nos fixeron ir en aiunas). Tras o almorzo fomos ver a necrópole preinca de Chauchilla, con momias e todo.
Comemos e á tarde fomos en taxis ver as pirámides de Cauhachi. Impresionante.
Por certo, dende onte xa fai calor, polo menos de día (será porque é un deserto!?).

Aquí Merchi cunha momia. Podedes distinguilas?

Xa sobrevoamos Nazca!

Rapidiño, xa vimos as liñas en avioneta. Impresionante!

quinta-feira, 29 de julho de 2010

Unha foto do 28 na Reserva de Paracas


29 de xullo: un día tonto

Pois si, un día tonto porque tiñamos que coller o bus pars Nazca ás 12:30 e pasar tres horas e media nel, co cal e tendo en conta que ás seis e media e noite, non podiamos facer grandes cousas nin antes, nin despois.
O que fixemos antes foi ir ao mercado a Pisco, o que sería máis bonito se a cidade non parecede a zona cero (o terremoto do 2007).
O bus estivo ben, moi amplo. Creo que era un bus-cama, como o que colleremos mañá á noite para marchar a Arequipa (9 horas de bus, dende as dez e media). Por certo, por este motivo, mañá posiblemente non escriba nada no blog.
A viaxe en si foi máis bonita que a de antonte. A paisaxe era case todo deserto con pequenas zonas verdes habitadas. O mellor foron os derradeiros quilómetros: unha gran chaira na que se atopan as famosas liñas atravesada por unha estrada completamente recta e de moitos kms.
Nazca en si é máis chula que Pisco (o cal tampouco é difícil). O hostal é o mellor no que estivemos ata o de agora.
Mañá ás sete recóllennos para ir ao aeroporto e sobrevoar as liñas. A ver que vos conto o sábado.

quarta-feira, 28 de julho de 2010

28 de xullo: Felices Fiestas Patrias

Hoxe é a festa nacional de Perú, aínda que levan toda a semana con bandeiras e carteis por todas partes. Felicítanse a festa coma se fose polo Nadal.
En canto á viaxe fixemos un tour: pola mañá en barco ás illas Ballestas (vimos moitas aves, pingüíns e focas) e despois en bus á Reserva Natural de Paracas, un fermoso e gran deserto á beiriña do mar. Fixemos fotos e intentei subilas pero non o conseguín. Seguirei probando.
Mañá marchamos a Nazca.

terça-feira, 27 de julho de 2010

Curso acelerado de peruano (1)

Empezamos:
-Os buses non teñen paradas, senón paraderos.
-Cando fregan o chan, este queda resbaloso.
-Hai cousas que non se poden facer porque son arriesgosas.
-No aeroporto hai un apartado de recojo de equipaje.

Continuará

Segundo día: Lima-Pisco

Hoxe martes visitamos Barranco, un barrio de Lima, á beira do océano. Ten un mirador chulo sobre o Pacífico, aínda que a vista gañaría se a cidade non estivese permanentemente cuberta dunha néboa. Chover, non chove. A última vez que choveu seica foi en 1970; todo o máis que chove é un orballo que cae ás noites, a garúa.
Despois vimos o museo Pedro de Osma, un ricachón do século pasado que investiu a fortuna familiar en facerse cunha coleción de arte colonial que nin o Thyssen.
Ao mediodía marchamos de Lima en bus cara Pisco. A paisaxe pola Panamericana é un tanto monótona, dunas e dunas e moitas chabolas, especialmente arredor de Lima. Chegamos á parada a 8km de Pisco xa de noite, a un sitio sen moita luz e cheo de xente. Menos mal que mandaran do hostal alguén a recollernos.
Pisco foi de primeiras outro pequeno susto. A cidade sofreu un sismo en 2007 e segue bastante mal. Ademais ao chegar había un apagón e leváronnos aos cuartos con velas e linternas. Menos mal que ao pouco volveu a luz e todo gañou mellor color (sobre todo despois de cear e probar un pisco sour, un cóctel local a base do augardent pisco). O hostal Tambo Colorado está moi ben e parecen moi amables.
Mañá imos en barco ás illas Ballestas e de excursión á Península de Paracas cun tour organizado.

segunda-feira, 26 de julho de 2010

Lima, 26 de xullo do 2010

Primeiro día en Perú. Despois dunha viaxe lon guísima (levantámonos en Lisboa ás cinco e media e deitámonos en Lima sobre as catro da mañá), durmimos unhas dez horas. O hostal está no "barrio" de Miraflores, un dos barrios "ben" da cidade.
Hoxe á mañá fomos ver aquí en Miraflores a Huaca Pucllana, unha enorme pirámide de "adobitos" construída pola chamada cultura Lima hai 1500 anos. Fixemos unha visita guiada moi interesante na que nos ensinaron prantas e animais que esta xente domesticou, incluíndo unha pranta de coca e unha llama de verdade.
Despois marchamos ao centro a ver a Praza de Armas, a catedral e as rúas e igrexas da época colonial. Pero antes fomos comer (moi ben, por certo) a unha chifa, un restaurante típico que prepara unha especie de mestura de cociña peruana e chinesa. Hai centos destes restaurantes por todas partes e cantidade de xente comendo neles.
Pero, con todo, a mellor aventura do día foi volver a Miraflores nun "colectivo", un dos moitísimos pequenos buses que percorren as rúas coma tolos, recollendo xente en canto "paradero" atopan e cun pirado (o secretario) colgado permanentemente da porta, berrándolle a xente dos paraderos unha letanía incomprensible dos próximos destinos. Surrealista. Témolo ata en vídeo.
Nos vindeiros días tratarei de continuar posteando e de poñer algunha foto.